| Galicia, á cola do Estado en cobertura das demandas dos dependentes. Estas carencias limitan a creación de máis de 8.600 postos de traballo. O déficit de prazas e servizos, con respecto á media estatal, supera nesta comunidade os 41.000 usuarios A realidade demográfica galega choca coa carencia de infraestruturas e centros públicos destinados ás persoas dependentes e cos atrasos rexistrados nesta comunidade na propia aplicación da Lei de Dependencia. Galicia é a terceira comunidade máis envellecida, só superada por Castela León e Asturias. Concretamente, esta comunidade ten unha poboación maior de 65 anos que acada as 598.247 persoas, isto supón o 21,61 por cento da poboación total. A estimación de persoas dependentes achégase ás 91.243. E, segundo os datos máis recentes facilitados pola Unidade de Coordinación de Dependencia en Maio de 2008, foron recibidas 43.120 solicitudes dende 2007 no ámbito da Lei de Dependencia. O 81,2 por cento delas conta coa valoración de situación de dependencia e, deste total, o 57,7 por cento ten a resolución da mesma e 6.467 persoas dispoñen dunha proposta de Plan Individual de Atención (PIA). Isto supón que só o 15 por cento teñen asignados os servizos que garante a Lei de Dependencia. Estas cifras contrastan cos índices de coberturas dispoñibles e cunha carteira de servizos claramente insuficiente e lonxe da existente no resto do Estado. Segundo os últimos datos dispoñibles e facilitados polo Imserso referidos ao 2007, os servizos de axuda a domicilio teñen en Galicia un dos máis baixos índices de cobertura, concretamente, só Murcia rexistra cifras máis baixas. Mentres o índice de cobertura é nesta comunidade do 2,5, a media nacional sitúase no 4,39. O número Comisión Executiva de usuarios atendidos é de 14.965 e serían necesarios incrementar esta cifra en 11.307 máis para acadar a homologación co resto do Estado. Esta carencia en materia de infraestruturas e atención trae consigo outra vertente, os postos de traballo que se deixan de crear, cifrados no caso dos servizos de axuda a domicilio en 5.351. Cálculo realizado en relación ás prazas necesarias para achegarse Galicia á media estatal. Dentro da carteira de servizos para a atención á dependencia, atópase a teleasistencia, de feito, a cobertura deste servizo é a que recolle máis carencias, ata o punto de que Galicia é a comunidade co índice de cobertura máis baixo do Estado, do 1,11. Isto contrasta co 4,38 estatal. Precisamente, de aquí derívase que o déficit en número de usuarios atendidos, con respecto ao resto do Estado, é de 19.563. Nesta modalidade de axuda ao dependente o número de empregos que se poderían ter creado se se cumprise coa media do Estado sería de 195. Outro dos servizos de vital importancia na atención á dependencia son os centros de día. Neste caso de novo atópase en Galicia unha cobertura escasa. O número total de prazas é de 3.170 cun índice de cobertura de 0,53, lonxe do 0,73 estatal. De novo, achegarnos ao contorno esixiría crear 1.017 prazas, o que traería consigo 101 postos de traballo máis. Por último, dentro do catálogo de servizos para cubrir as necesidades dos dependentes e as súas familias, existen os centros residencias, que inclúen residencias, miniresidencias ou pisos tutelados. Neste caso, de novo, Galicia está á cola do resto do Estado cun índice de cobertura de 2,67, cando a media estatal é de 4,27. É dicir, Galicia rexistra o segundo peor índice de toda España, só Ceuta ten cifras inferiores. No caso deste servizo o déficit de prazas con respecto á media estatal é de 9.572 e o número de empregos non creados polas deficiencias do sistema achégase aos 3.000, concretamente, 2.994. Ademais, neste servizo destaca tamén a predominancia da titularidade privada, de feito, en Galicia só o 10,7 por cento dos centros son de carácter público. UGT-GALICIA TEME QUE ESTE NOVO DEREITO UNIVERSAL E SUBXECTIVO NON QUEDE TOTALMENTE GARANTIDO As cifras e estatísticas debuxan un panorama nada alentador de cara, en primeiro lugar, aos propios dependentes, ás súas familias e de cara ao desenvolvemento da Lei de Dependencia. Dende a Comisión Executiva de UGT-Galicia, Sindicato que ven demandando historicamente un sistema nacional da dependencia, como un dereito universal, témese que os atrasos e falla de aplicación en Galicia do propia Lei, que se apuntaba como o cuarto alicerce do estado do benestar, fagan que este novo dereito de cidadanía universal e subxectivo non quede totalmente garantido. Neste mesmo senso, UGT-Galicia apunta que, para atender unha necesidade social imperiosa e facer efectivo un dereito universal, considérase prioritario que no marco galego do diálogo social se coñezan e debatan en profundidade as accións e programas de Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para o desenvolvemento do sistema de atención ós dependentes e maiores galegos. Unha grande oportunidade de avanzar social e laboralmente, que debe garantir a transparencia na súa xestión, polo que deberá de sistematizarse xa a información e participación dos axentes sociais.
|